J. M. Sande. La Voz de Galicia.
Muros dará cabida en xullo a un encontro no que participarán 150 embarcacións tradicionais
Máis de 150 barcos antigos daranse cita na vila de Muros entre os días 9 e 12 do vindeiro mes de xullo, para participar no IX Encontro de Embarcacións Tradicionais. O presidente da comisión organizadora desta actividade, Manuel García Sendón, xunto co resto de membros do grupo creado ao efecto, están
a concretar o extenso programa de actividades que se desenvolverán na localidade coincidindo coa presenza da máis ampla representación de navíos que se ten visto ata o de agora na zona.
Na loxística xa perfilada para acoller a tan amplo grupo de embarcacións figura a instalación dun campo de fondeo, nas inmediacións do peirao, lugar no que atracarán os barcos. Os seus tripulantes disporán dunha carpa de 1.200 metros cadrados, dedicada a tarefas tales como a manutención, e na
que se instalará á vez unha taberna mariñeira e un espazo para a celebración
de xuntanzas. O aloxamento será no polideportivo, mentres que no parque empresarial estacionaranse os coches e os remolques.
Accións complementarias
Entre as exposicións e obradoiros que se levarán a cabo destacan os de redeiras, encascado, afumado de sardiña, secado de polbo, gastronomía, cestería, sancosmeiros e palilleiras, así coma un taller en vivo da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira. Todos eles instalaranse nas explanadas
portuarias da vila. Tamén haberá outras exposicións en varias salas e prazas.
No tocante ás xornadas técnicas, sobresae o congreso internacional sobre os ecomuseos, no que participarán relatores de Francia, Cataluña, Portugal, Inglaterra e Croacia, así como do Museo do Mar de Galicia, da Asociación de Carpinteiros de Ribeira e das confrarías da bisbarra.
A parte lúdica e festiva correrá a cargo de varias agrupacións folclóricas de Muros, da charanga Os Tabernícolas e de varias bandas de rock. Tamén intervirán as corais da zona interpretando pezas mariñeiras, e actuarán artistas de renome na música tradicional, coma Susana Seivane, Trío Vaamonde, Treixadura ou Quempallou.
De xeito paralelo, desenvolveranse tres representacións na rúa, un ciclo de cine galego e un espectáculo musical e literario con Eva Veiga e o trío Ouriol. A maiores, doce escritores e outros tantos artistas plásticos elaborarán mensaxes, que logo botarán ao mar.
A comisión organizadora deste encontro fará varias reunións este mes, co ánimo de involucrar na experiencia a toda a sociedade. |