La voz de Galicia .- O pobo de Muros fixo seu o encontro de barcos tradicionais e está a participar en cantas actividades se propoñen dende a organización. Tamén os propios veciños engalanan rúas, prazas e mesmo balconadas e fachadas das casas con motivos mariñeiros, todo o cal contribúe a engrandecer a celebración deste ano.
Nenos e maiores participan nos actos deseñados para cada colectivo e, así, durante toda a xornada de onte había ringleiras de persoas esperando para asistir aos obradoiros de cerámica, cestería, sancosmeiros, atado de redes ou confección de elementos mariños. Tamén a participación en actividades lúdicas e o embarque nos faluchos estivo moi concorrida.
Nas rúas do pobo expuxéronse tendais de secado de congro e afumado de sardiña. Eran veciños os que explicaban as condicións e características do procesado destes peixes no pasado. Xunto ás chalanas expostas nas rúas tamén se vían carros cargados de argazos, e outros apeiros de labranza, cos que se daba a entender a simbiose da pesca e a agricultura na zona.
Ambiente festivo
A media mañá, na praza do Cristo, ofertábase aos interesados masa de millo para empanada, follados ou boroa, e mesmo se explicaba a maneira de facer máis apetecible cada unha destas viandas. Toda esta actividade estaba rodeada dun ambiente festivo, rachándose, de cando en vez, a tranquilidade dunha mañá estival co son de pandeiretas ou o canto espontáneo de algún veciño.
Na dársena, moitos dos veleiros acorados aos peiraos facíanse ao mar, en algúns casos para probar os elementos de navegación, e noutros invitando aos interesados a dar unha volta en barco pola ría. A tripulación do Joaquín Vieta ultimaba os preparativos para cumprir un dos compromisos contraídos, como era o de achegarse ás costas do lugar de Taramancos para facer unha ofrenda floral á figura de Avilés. Este acto non puido realizarse por unha avaría na máquina o xoves.
Os patróns dos barcos máis pequenos lamentaban a calma do vento, que dificultaba a regata prevista para achegarse ata a illa da Creba. Con todo, moitas das naves saíron decididas a, cando menos, dar una volta pola enseada do porto, á espera de mellores condicións para a navegación.
Mentres, na casa de cultura, os relatores das xornadas técnicas daban conta dos seus postulados sobre os ecomuseos e as propostas de desenrolo sostible, presentando tamén proxectos de dinamización e posta en valor dos elementos culturais e marítimos da comarca muradá.
Todas as exposicións, casetas, mostras e obradoiros que acompañan a este encontro foron moi visitadas, aínda que a maioría da xente tentaba compatibilizar a participación nestes actos co goce dun dos primeiros días de praia. Por iso, a presenza de visitantes foi moito máis intensa a primeiras horas da mañá e tamén despois de ir caendo o sol.
Programa 1107/09
Presentación do proxecto Dorna.
11.00 horas . Navegación na abra muradá.
12.30 horas . Recreación dunha descarga tradicional de sardiña na dársena
17.00 horas . Navegación: Proa a Monte Louro. Varada en San Francisco.
20.00 horas . Visita guiada ás embarcacións na dársena. Encontro blogueiro. Teatro de rúa: Unha de piratas .
22.30 horas . Un mar de cine, na casa da cultura. A noite das crebas . Consiste nunha diversidade de espectáculos no que se xuntan imaxes de Maribel Longueira e Manuel Sendón presentadas por Francisco Fernández Naval. Tamén poderá verse un tráiler e como se fixo a longametraxe Os Crebinsky , de Miguel de Lira e Quique Otero. A presentación corre a cargo da Fundación Crebinsky.
23.00 horas . Concerto que terá lugar no Curro da Praza e que contará coa presenza do Trío Vaamonde. Tamén actuará Susana Seivane.
|