J. M. Sande · 10/6/2009
Terá lugar entre os días 9 e 13 de xullo e contará cun intenso programa de actividades
A novena edición do Encontro de Embarcacións Tradicionais que terá lugar no porto de Muros do 9 ao 13 de xullo concentrará no municipio a un total de 150 barcos, segundo aseguraron membros da organización na presentación do acto, que tivo lugar onte no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e á que acudiu o alcalde muradán, Domingos Dosil. Ademais de poder contemplar as naves que asucaban os mares fai anos, a organización da mostra, que corre da man das asociacións Mar de Muros e Canle de Lira, ofertará a veciños e visitantes unha ampla gama de actividades culturais e de lecer.
Segundo explicaron no acto, durante o desenvolvemento da concentración celebraranse xornadas técnicas centradas nos ecomuseos e orientadas a potenciar o patrimonio mariñeiro e o turismo activo baseado na riqueza natural da ría muradá e a Costa da Morte. Tamén haberá talleres de navegación, gastronómicos, de artesanía e de carpintería de ribeira. Ademais, durante os cinco días a localidade encherase de escenificacións teatrais ao aire libre, proxeccións de cine e manifestacións literarias. Os máis pequenos tamén poderán gozar de xogos populares.
Infraestruturas
Para facilitar a participación de tan alto número de embarcacións, algunhas de gran porte, así como dos tripulantes e persoas que acudan eses días á vila muradá, prepararase unha infraestrutura de gran magnitude, con pantaláns de amarre, guindastres, zonas de aparcadoiro, e equipos de apoio para os barcos. Así mesmo, instalarase unha carpa con capacidade para medio milleiro de persoas na que haberá postos de comidas e tabernas de inspiración mariñeira para dar servizo ás tripulacións e aos turistas. Tamén se habilitarán zonas de acampada.
Os organizadoras deste encontro contan co apoio da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, do Concello de Muros, das entidades Praia do Castelo, Xubimar e O Xeito, así como de entidades e asociacións de toda a comarca muradá. |